“Relinga do Horizonte”: a pegada sociocultural da mariña mercante.
Exposicións
Luns, 04 Mai 2020

En 2019 realizamos o proxecto expositivo “Relinga de Horizontes” para o Museo do Mar de Galicia. Nesta importante mostra evidenciouse a relevancia que o comercio marítimo e a mariña mercante tiveron no desenvolvemento económico e social de Galicia.

Un dos episodios destacados da exposición estivo centrado na presenza de mariñeiros galegos nas mariñas mercantes do mundo, principalmente durante a segunda metade do século XX. Calcúlase que nos momentos de maior intensidade máis de 50.000 galegos ían embarcados en buques españois, alemáns, noruegueses, daneses e ingleses. Este proceso estivo estreitamente relacionado coa evolución socioeconómica e cultural do litoral do país. Os mariñeiros da mercante foron a canle a través da que chegaron ás casas novidades tecnolóxicas, mais tamén realidades culturais distantes. A pesar da forte pegada, este episodio histórico permanece escasamente estudado.

Por este motivo, e parello ao desenvolvemento do proxecto expositivo, lanzamos unha campaña que tiña como obxectivo localizar documentación desta etapa que aínda permanece nas mans dos seus protagonistas, os mariñeiros. A través da campaña pretendiamos recoller documentación relativa aos embarques, comunicacións coas compañías, nóminas, cartas ás familias, fotografías da vida a bordo, dos buques e dos portos onde recalaban. Sabedores de que houbo mariñeiros que comezaban a comprar algunha cámara Super-8 e despois as primeiras cámaras de vídeo, tratamos de localizar, tamén, arquivos audiovisuais. Pretendíase a salvagarda das memorias e vivencias das persoas que estiveron embarcadas, e que no futuro puidese servir de base para o desenvolvemento de investigacións centradas na temática.

Outras publicacións