O pasado día 16 de decembro realizamos en Moaña a pre-estrea de “A auga que trouxeron”. Este documentario constrúe un relato sobre a realidade das traídas veciñais de auga en Galicia. Estes sistemas son resultado dun proceso histórico onde a veciñanza xogou un papel importante, pois en moitos casos foron os propios veciños quen as construíron, financiaron e xestionaron. Este modelo ofreceu un sistema de abastecemento autónomo adaptado ao contexto territorial do país caracterizado pola alta dispersión poboacional. Esta realidade permanece a día de hoxe mantendo unha xestión autónoma por parte da veciñanza. Neste documentario, dirixido por Beatriz Vázquez Campaña, ollamos cara o pasado para recoñecer o esforzo colectivo que significou levar a auga ás casas nunha Galicia rural sen servizos básicos garantidos, analizamos o presente, cos seus retos e conflitos, e albiscamos o camiño a percorrer para unha realidade do común que xestiona un ben tan importante como é o da auga e que debe facer fronte a ameazas como o despoboamento rural ou a seca.
O documentario comeza agora o seu percorrido público. Trataremos de ir anunciando as datas das proxeccións con suficiente antelación. Se estás interesado/a en organizar unha proxección, non dubides en contactar connosco.