Durante mais dun século, a ollada dos Cal fixou a memoria colectiva de Redondela. Tres xeracións de fotógrafos axudaron a conformar un arquivo que permite transitar pola historia local. Desde os primeiros traballos de Saturno Cal, no inicio do século XX, pasando polo traballo de Avelino Cal, mediado o século, até a última etapa na que baixo a marca comercial, Cal-3, desenvolveron o seu traballo, Mundo e Félix Cal principalmente. Deste xeito, o espolio fotográfico xerado constitúe un fondo patrimonial de alto valor. Se ben é certo que parte dos fondos deste arquivo foron obxecto de difusión en diferentes formatos, exposicións, publicacións, nunca foi realizado un achegamento desde unha perspectiva global. A publicación que estamos a preparar para Cal-3, pretende construír un diálogo entre as diferentes xeracións familiares que permita amosar a diversidade de olladas que conforman o arquivo fotográfico da familia Cal.
A publicación está previsto que sexa editada no primeiro trimestre do 2022.